A CIG alerta da “fuga” de enfermeiras da Mariña cara Asturias ou Euskadi “pola precariedade laboral”

Os contratos "por días ou quincenas"; a escaseza de persoal, que provoca a "sobrecarga asistencial", e a "falta de recoñecemento profesional" son os problemas expostos pola central

Asemblea da CIG con enfermeiras do hospital. AXM

A CIG-Saúde celebrou este martes unha asemblea aberta co persoal de enfermería do Hospital Público da Mariña para abordar a situación deste colectivo, que denuncia “unha fuga de profesionais” a outros territorios como Asturias ou Euskadi, “en busca dun futuro laboral mellor, onde asinan contratos de maior duración que garanten estabilidade evitando así a precariedade laboral fomentada pola Dirección de Enfermaría do hospital mariñao (contratos por días, unha quincena ou como moito un mes)“, sinalan desde o sindicato nacionalista.

Segundo unha enquisa do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, a temporalidade no Hospital Público da Mariña afecta a máis do 44% do persoal. A central afirma que a Dirección de Enfermería do centro hospitalario mariñao “marchan por motivos personais, negando os motivos laborais”.

A CIG advirte de que a “precariedade laboral” que padecen as profesionais “conlevan tensión e problemas de saúde físicos e mentais“, advertindo non só “do perigo destas consecuencias, senón sobre todo da súa “repetición” no tempo.

Os contrarios en precario, por días ou quincenas; a falta estrutural de persoal, que provoca a sobrecarga asistencial; e a falta de recoñecemento profesional das traballadoras son os problemas principais que as enfermeiras puxeron sobre a mesa.

SOLUCIÓNS

A central reclama así “solucións“, que concreta nunha oferta de emprego co 100% das vacantes reais de todas as categorías, ademais da eliminación das taxas de reposición, “que impiden que se poida facer unha oferta de emprego público con todas as vacantes”; a negociación dun plan de estabilidade no emprego, “transformando en prazas vacantes aquelas cubertas, desde hai anos, con contratos eventuais“; unha orde de vínculos para que as persoas contratadas non acumulen outras tarefas; finalmente, un sistema de identificación de postos “que nos permita saber en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) os cadros de persoal reais“.

O SINDICATO ESTUDA MOBILIZACIÓNS

Desde o sindicato nacionalista non descartan iniciar mobilizacións para reverter a situación actual e pedir o cesamento de Isabel Díaz Castro, directora de Enfermaría do Hospital da Mariña.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here